Alumnos do Cova Terreña e outros 14 centros educativos clausuran Depoemprende na Escola e na ESO

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Emprego, Montse Magallanes, e xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, clausurou esta mañá a edición correspondente ao curso 2017-2018 do proxecto “Depoemprende na Escola” e “Depoemprende na Eso”, impulsado pola institución provincial para o fomento da cultura emprendedora. Durante o acto de clausura, no que se organizou un mercado para a venda dos produtos elaborados polas cooperativas escolares, tivo lugar a entrega de diplomas acreditativos ao alumnado participante no proxecto.

Con case 400 nenos e nenas que encheron a céntrica rúa do Príncipe en Vigo, Carmela Silva felicitou aos 15 centros educativos que formaron parte da iniciativa neste curso pertencentes aos concellos de Baiona, Cangas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Tui, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa. “Estou moi orgullosa do talento que tendes todas vós, rapazas e rapaces de centros educativos públicos da provincia que a través de Depoemprende estades a completar a vosa formación con coñecementos de cultura emprendedora e de Responsabilidade Social Corporativa”, asegurou Silva.

Ademais do alumnado, a presidenta provincial tamén tivo palabras para as profesoras e profesores subliñando que “sodes moi grandes e sen todas e todos vós este proxecto non sería posible”. Neste contexto, Carmela Silva enxalzou o papel das mestras e mestres, “servidores públicos de primeira orde que, ademais do traballo habitual que tendes, dedicastes moito tempo a que Depoemprende na Escola e na ESO fose un auténtico éxito”.

Pola súa banda o alcalde de Vigo amosou sentirse “encantado de acoller a todo o alumnado na cidade” e, ao igual que a presidenta provincial, agradeceu ás persoas docentes toda a súa implicación no proxecto da Deputación. Amais, Caballero tamén puxo en valor as capacidades de venda das alumnas e dos alumnos asegurando que “sodes unhas magníficas e magníficos vendedores e ver este mercado, cos produtos elaborados por vós mesmos e vós mesmas, é un orgullo que nos permite falar de que sodes as melloras e os mellores do mundo”.

Este curso 2017-2018 participaron no programa “Depoemprende na Escola” e “Depoemprende na ESO” os centros educativos CPI Cova Terreña de Baiona; IES Rodeira de Cangas; CEE Príncipe Felipe, IES Luis Seoane e CEIP Santo André de Xeve de Pontevedra; CEIP Alexandre Bóveda de Redondela; CPI Julia Becerra de Ribadumia; CEIP Plurilingüe Nantes e CEIP Plurilingüe A Florida de Sanxenxo; IES Pintor Colmeiro de Silleda; CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui; IES Ricardo Mella e CEIP García Barbón de Vigo; CEIP Plurilingüe Riomaior de Vilaboa e CEE Vilagarcía de Arousa.

A iniciativa da Deputación de Pontevedra “Depoemprende na Escola” e “Depoemprende na ESO” ten por obxectivos estender a cultura emprendedora entre o alumnado de educación especial, de 5º e 6º de educación primaria, e de 3º e 4º da ESO. Para acadalo promóvese un traballo na aula que consiste na creación e xestión dunha cooperativa escolar que fabrique produtos que se venderán, unha vez ao ano, nun mercado como o celebrado esta mañá en Vigo. Deste xeito, incorpórase a cultura emprendedora no seo dos centros educativos, favorecendo o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia e á cidadanía, ou á alfabetización dixital entre o alumnado participante no programa.