Nigrán pecha a semana das Letras Galegas cun concerto de “A Banda da Loba”

O Concello de Nigrán pon o broche de ouro este domingo á programación da semana das Letras Galegas co concerto de “A Banda da Loba” na Praza do Concello ás 20:00 horas. A banda da Loba está a revolucionar o panorama musical galego co seu primeiro disco «Bailando as rúas». Integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, destacan polo seu repertorio propio e por musicalizacións de poetas célebres como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra ou escritoras do momento. Todo isto baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk… A banda de Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión) resultou gañadora en marzo de 2018 do certame aR[r]itmar de música galega portuguesa coa canción «Bailando as rúas».