O XII Rally Cidade de Vigo de clásicos pasará por Sabarís e finalizará en Nigrán

O vindeiro sábado 5 de maio terá lugar a XII edición do Rally Cidade de Vigo para vehículos clásicos e antigos Gran Premio Lanzal, organizado pola Escudería Vigo Clásicos, coa colaboración de Lanzal, Gadis, o Centro Comercial Gran Vía de Vigo e os Concellos de Vigo e Tui.

Arrancará ás 10:30 da mañá no Centro Comercial Gran Vía de Vigo, onde se realizarán as verificacións técnicas e administrativas dos vehículos e, despois de percorrer aproximadamente 255 quilómetros pola provincia de Pontevedra, terminará cunha cea de entrega de premios no Pazo de Cea de Nigrán, ao que os vehículos chegarán a partir das 19:30 horas. Os participantes tamén contarán cun descanso para xantar no Castelo de Soutomaior, onde poderán repoñer forzas para poder continuar ata a cea, e pasarán por Sabarís, rúas Julián Valverde e Alcalde Pereira, ás 19.00 horas.

A proba celébrase na modalidade de regularidade non deportiva para vehículos clásicos, na que non prima a velocidade, senón a táctica e a orientación, así como o traballo en equipo e a compenetración entre a piloto e copiloto.

Nas 11 primeiras edicións, os vehículos participantes debían ser posteriores a 1950 e anteriores a 1975, permitíndose unicamente participar a algúns vehículos entre 1975 e 1980, podendo observar nos parques pechados os vehículos máis importantes no mundo dos rallys dos anos 50, 60 e 70. Participaron Austin Healey e Jaguar XK que dominaron os rallys nos anos 50, Mercedes 220S que participaron con gran éxito nos Rallys daquela época.

Este ano admítense coches máis antigos, completándose un parque pechado con vehículos desde a década dos anos 20 ata os anos 70. Aos vehículos de sempre engadiranse marcas como Hispano Suíza, Bugatti ou Bentley, que xa forman parte da historia do automóbil.

Entre os vehículos dos anos 60, destacar a presenza de Austin Cooper S, dominadores da primeira parte da década (con 3 vitorias consecutivas en Montecarlo), Renault 8 Gordini, Alpine A110, Sumbean Alpine, MG, Porsche 356, Lancia Fulvia, Saab 96, habituais na segunda parte dos 60.

Entre os habituais dos setenta, puidemos ver nas distintas edicións do Rally vehículos como Ford Escort (MK1 e MK 2), Porsche 911, SIMCA Rally, BMW 2002, Lancia Stratos, etc.

A admisión de vehículos tan distintos pola súa antigüidade, implica que non existirá unha clasificación xeral única neste rally. Existirán clasificacións para cada unha das cinco clases admitidas, que desenvolverán medias de velocidade distintas e tramos cronometrados distintos case todo o percorrido. Cos tramos comúns (aínda a distinta velocidade) desenvolverase unha clasificación combinada (TROFEO LANZAL) na que estarán presentes todos os participantes.

Desde a Escudería desexan que esta proba sexa un referente a nivel nacional e que se consolide no tempo, polo que animan a que os afeccionados aos automóbiles participen deste evento e que o fagan acompañados de “novos afeccionados”, para o que só necesitan contar cun vehículo clásico. Desde a Escudería está a traballarse duro para lograr un evento no que non só se teña en conta a parte deportiva senón tamén a parte lúdica, tendo como desexo que todos os participantes poidan compartir experiencias, entreterse cos automóbiles e consolidar amizades. A intención é que, polo menos durante un día, poidan esquecerse das súas preocupacións, e consigan gozar dun evento no que se combine automobilismo e diversión.

As pasadas edicións contaron cunha participación media de máis de 50 equipos, incluíndo a presenza de equipos portugueses, que lle deron un carácter internacional á proba.