A Fiscalía cifra que o 61% dos incendios do pasado outubro foron intencionados

FOTO: GRACIELA CARLOS // O incendio de Baiona desde o Monte Real Club de Yates.

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzez, compareceu este luns na comisión de estudo sobre a vaga de incendios do pasado mes de outubro que creou o Parlamento galego, onde ratificou que “non se puido determinar” que “obedezan a unha iniciativa criminal complexa de grupos de persoas ou organizacións que actúen de forma coordinada ou planificada ou persigan obxectivos supraindividuais”.

De acordo cos datos que fixo públicos, o 61% (11 de 18) foron con “gran probabilidade” intencionados no caso dos grandes incendios, os que superan as 500 hectáreas, mentres que os restantes 7 debéronse a reproducións ou propagacións.

Para a Policía Autonómica, que examinou 97 lumes, a intencionalidade está próxima ao 70%, mentres que a Garda Civil, que analizou 352, sitúa a cifra no 79,5%. A Consellería do Medio Rural elévaa ao 87,7%.

Para o fiscal, “sexa cal for o índice manexado”, o dato “é elevado e preocupante”, un fenómeno “inaceptable capaz de devastar o territorio e causar graves danos na vida e bens persoais”.

A Fiscalía emitiu o pasado 14 de marzo un decreto de arquivo das dilixencias de investigación penal abertas tras aqueles días, nos que arderon máis de 47.000 hectáreas, morreron catro persoas, dúas delas en Chandebrito, e xerouse unha elevada alarma social na comunidade.