O VIII Torneo de Fútbol 8 do Erizana congregará a un milleiro de nenos en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación do Torneo de Fútbol 8 do Erizana.

O Erizana presentou este xoves no Parador de Baiona o seu VIII Torneo de Fútbol 8, que congregará entre o 26 e o 29 de marzo a preto de 1.000 nenos de entre 4 e 14 anos de toda Galicia, repartidos en 73 equipos.

Durante catro días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos dunha trintena de clubs estarán en Baiona compartindo deporte, experiencias e aprendizaxe e colaborando a normalizar e dar visibilidade ao deporte de discapacidade xa que, continuando coa liña de potenciación de valores que o Erizana leva nos últimos anos, nesta edición realizarase o 2º Torneo Integra “laCaixa”, coa participación de catro equipos: Juan María, San Rafael e Celta Integra A e B.

O luns 26 de marzo pola mañá arrancará o Torneo coa categoría chupete, na que participarán 7 equipos cuns 12 nenos de 4 a 5 anos cada un, que xogarán un total de 16 partidos no campo do Aral. O mesmo día en Val de Martín, a partir das 17:00 horas, disputarase o Torneo Integra.

O martes 27 será a quenda da categoría alevín, con 28 equipos que xogarán mañá e tarde en dous campos simultaneamente, Aral e Val de Martín. Será o día con máis afluencia de nenos, xa que o club calcula a presenza de máis de 300 nenos. En total, 58 partidos.

O mércores 28, 20 equipos disputarán o torneo da categoría benxamín no campo de Val de Martín. Serán uns 250 nenos en horario de mañá e tarde. En total, 40 partidos.

O xoves 29, a categoría prebenxamín pechará a competición, con máis de 150 nenos repartidos en 14 equipos, que xogarán un total de 34 partidos no campo de Val de Martín.

IMG_3658-001