Concello de Baiona e Talaso Atlántico renden homenaxe ás vítimas do Thalassa

FOTO: TALASO ATLÁNTICO // O Thalassa.

Concello de Baiona e Talaso Atlántico renderán homenaxe ás vítimas do Thalassa e á súa única sobrevivente, Arnhild Karlsen, setenta anos despois do dramático naufraxio. O vindeiro xoves, 15 de marzo, o consistorio baionés e o establecemento hostaleiro organizarán un evento que lembrará para sempre a traxedia. A homenaxe, á que asistirá a sobrevivente do naufraxio, comezará cunha ofrenda floral onde descansan os restos mortais dos pais e irmáns de Arnhild, no cemiterio de Baiona. A continuación, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, acompañado da directora do Talaso Atlántico, Rosana Canda, descubrirán unha placa conmemorativa na rotonda de Cabo Silleiro, lugar que a partir dese momento pasará a chamarse Miradoiro do Thalassa. A homenaxe pecharase coa presentación dunha maqueta do barco que estará exposta permanentemente no hotel e cuxa construción supuxo un laborioso traballo de documentación xa que apenas existían imaxes do cruceiro.

O Thalassa chegou ao porto de Vigo procedente de Stavanger (Noruega) o 24 de decembro de 1948. Atracou no Club Náutico de Vigo e pasou alí o Nadal. A súa tripulación, composta por quince persoas, viaxaba rumbo ás Galápagos co fin de establecerse alí no negocio da salgadura iniciado por unhas compatriotas. O 31 de decembro decidiron renovar a súa viaxe pero o mal tempo fíxolles cambiar de idea ao chegar a Cabo Silleiro. O Thalassa acabou chocando contra a roca coñecida como A Punta do Lobo, e partiuse en dous. Morreron todos os membros da tripulación, excepto unha nena de dez anos, Arnhild Karlsen.

MAQUETA DO THALASSA
FOTO: TALASO ATLÁNTICO // A maqueta do Thalassa.