A Xunta convoca aos afectados pola construción da senda entre Gondomar e A Ramallosa

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda convoca os vindeiros días 14 e 15 de marzo os titulares dos terreos afectados pola construción dunha senda entre Gondomar e A Ramallosa para efectuar o pago de depósitos previos.

Os propietarios dos terreos deberán acudir o día 14, entre as 12.30 e 13.30 h, ao Centro neural de Gondomar, e o día 15, entre as 9.30 e as 13 h, ao Concello de Nigrán

Este proxecto ten por obxecto a realización das obras precisas para a construción dunha senda mixta destinada ao tráfico peonil e ciclista, ao longo da marxe esquerda da PO-340, que permita comunicar os núcleos de Gondomar e A Ramallosa.

Este itinerario está enmarcado na 1ª fase do Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Vigo, á que a Xunta destinará un investimento de 3,9 millóns de euros para a execución de 9 proxectos que contemplan 11 treitos identificados como prioritarios. Estas obras serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A Xunta está a executar este tipo de actuacións coa fin de promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular, porque estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro.