As imaxes de Baiona arrasan no Concurso Fotográfico Otoño en Villas Marineras

FOTO: JOSÉ RAM // Quinto premio.

A Asociación Villas Marineras, formada polas Vilas de Baiona, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Santoña e Laredo, convocou o pasado mes de novembro un concurso fotográfico co obxecto de premiar as mellores fotografías tomadas durante o pasado Outono de 2017 e Baiona arrasou coas súas instantáneas.

Unha imaxe da ondada no Paseo de Pinzón na que se ve de costas a unha muller e as Illas Estelas ao fondo fíxose co primeiro premio do concurso. Das seis fotos gañadoras, cinco foron feitas en Baiona, todas excepto a terceira que era unha instantánea de Ribadesella. Entre as imaxes do municipio pódese ver a Fortaleza de Monte Real, o porto pesqueiro ou unha forte ondada na Concheira coa imaxe da Cíes de fondo.

Desde o Concello de Baiona móstranse moi contentos de que as imaxes de varios veciños e veciñas do municipio resultasen gañadoras. Tamén se mostran satisfeitos pola alta participación no concurso. Ademais, as instantáneas serven para divulgar a beleza da vila.

Cada un dos premiados poderá gozar dunha estancia para dúas persoas durante dúas noites en réxime de aloxamento e almorzo nun establecemento hostaleiro dunha das Villas Marineras

A participación no concurso realizouse mediante a publicación de posts por parte do concursante no seu perfil propio de calquera das seguintes redes sociais da asociación: Facebook, Twitter e Instagram.

As fotografías para participar, debían de ser tomadas en calquera das seis Villas Marineras ou os seus respectivos concellos durante as datas entre o 14 de Novembro de 2017 e o 21 de Decembro axustándose a unha ou varias da(s) temática(s) seguinte(s): Turismo Mariñeiro, Camiño de Santiago (Camiño do Norte e Camiño Portugués), Turismo Gastronómico, Turismo Náutico, Turismo Activo e de Natureza, Turismo Paisaxístico, Turismo Experiencial e/ou Turismo Cultural das Villas Marineras de Baiona, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Santoña e Laredo.

O concurso pretende poñer en valor as seis Villas Marineras a través da toma de fotografías singulares das mesmas que retraten de forma alegre, viva e orixinal a súa idiosincrasia mariñeira, circunstancias que foron valoradas dunha forma especial polo Xurado.