Baiona adxudica a Aqualia o contrato de servizos en instalacións deportivas por 276.000€

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Pavillón Municipal de Deportes.

O Concello de Baiona adxudica o contrato de servizos para a prestación de actividades físicas e deportivas e control de instalacións deportivas municipais á empresa FF. Aqualia S.A., por 276.546,78€, por un prazo de dous anos prorrogables por outros dous, ao ser esta a empresa que presentou a proposición máis vantaxosa para os intereses municipais de entre as que optaban a dar o servizo.

O novo servizo ofrece como melloras unha bolsa adicional de 40 h/anuais de colaboración complementarias gratuítas de uso discrecional. Ademais, prodúcese un importante aumento no horario de atención ao público durante os meses de inverno, 20 h/semanais, tempada na que máis usuarios utilizan o servizo. A empresa adxudicataria tamén se encargará do servizo básico de mantemento de maquinaria e de proporcionar novo sistema de acceso ás instalacións, facilitando o control aos usuarios.

Para o Alcalde de Baiona, a aprobación desta adxudicación “supón unha serie de melloras que repercutirán nunha maior calidade do servizo. Trátase dunha forte aposta por consolidar a actividade deportiva no municipio. O Concello de Baiona ofrece unha gran cantidade de actividades deportivas a uns prezos moi alcanzables. O que pretendemos é fomentar a práctica do deporte e o benestar dos veciños e veciñas entre todas as idades”.

A Concellería de Deportes e Actividades Marítimas de Baiona ofrece máis dunha vintena de disciplinas deportivas. As escolas deportivas municipais ofertan crossfit, core, trx, ioga, spinning, fitness, ximnasia de mantemento, gap, aeróbic, pilates, pilates terapéutico, zumba, rehabilitación, circuit training, ximnasio cardiovascular e adestramentos personalizados no Pavillón.

“O prezo é moi económico xa que en parte está subvencionado polo Concello de Baiona. Os usuarios e usuarias do Pavillón pagan unha cota (anual, por curso escolar, ou por 4 meses) e poden acceder a todas as actividades da oferta deportiva. Ofrécense descontos por unidade familiar, así como para pensionistas. A modo de exemplo, un abono anual de persoa individual supón 100€, un familiar (que inclúe no pavillón e deporte escolar, 200€) e un de pensionista 50€. Con todo isto, as Concellerías teñen por obxectivo achegar a práctica de deporte a todos os rangos de idade da poboación de Baiona”, destacou a Concelleira de Deportes, Mª Jesús Martíns Passos.

Na modalidade de deporte escolar, que se imparte nos centros educativos públicos do municipio, orientados á poboación escolar de Primaria, o Concello expón multideporte,baloncesto, fútbol sala, tenis, pádel, fitness júnior e cardio kids. Ademais, en colaboración con entidades locais, ofrece vela lixeira, ximnasia rítmica, patinaxe, tenis, baloncesto, judo, taekwondo, loita olímpica, windsurf e pádel surf, running e bádminton.