O goberno de Nigrán comprométese a abonar a Cespa os 162.000 euros de atrasos desde 2013

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Servizo de recollida de lixo en Nigrán.

Os traballadores de Cespa acordaron este venres en asemblea desconvocar a folga indefinida prevista dende o día 12 de febreiro no servizo de recollida de residuos, limpeza viaria e de praias en Nigrán. A decisión prodúcese tras unha semana de intensas reunións entre o goberno de Nigrán e representantes da concesionaria e traballadores. Así, o persoal non verá mermado ningún dos seus dereitos laborais e o servizo se manterá nas mesmas condicións en que se viña prestando.

O goberno de Nigrán asume dende xa o compromiso adquirido pola corporación diante dos traballadores no pasado pleno e levará a Comisión de Contas do 14 de febreiro a obriga da revisión dos prezos do contrato de Cespa pendente dende o ano 2013, unha cuestión que non se está a cumprir e que ascende a 162.000 € en total (53.000 do ano 2013, 63.000 do ano 2014 e 39.000 do ano 2015). Esta revisión deberá ser aprobada no vindeiro pleno para que sexa efectiva.

«Non é un custe a maiores, é unha obriga que dende o Concello se estaba a incumprir dende o ano 2012 e que agora este goberno se compromete a solucionar co obxectivo de protexer aos traballadores e non prexudicar ao servizo», sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que se analizarán polo miúdo as auditorías externas á empresa. «Nós cumprimos e, a través de auditorías, seguiremos velando para que a empresa tamén cumpra; que non caiba dúbida de que dende o goberno esixiremos e reclamaremos a Cespa todo o que lle corresponda», engade González, quen anuncia unha «futura reestruturación do servizo sen ningún custe engadido para que o contrato se adecúe a realidade actual, xa que data de 2004 e non se contemplan zonas como Porto do Molle».