Baiona recibe o seu distintivo como un dos 100 mellores destinos sustentables do mundo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Nava Castro e Ignacio López-Chaves entregan o distintivo ao alcalde de Baiona, Ángel Rodal.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, entregaron hoxe ao alcalde de Baiona, Ángel Rodal, o distintivo de Sustainable Destination Top 100, un recoñecemento outorgado polo organismo internacional Green Destinations que posiciona a este municipio galego entre os mellores destinos sustentables do mundo.

A súa eficaz xestión ambiental, social e cultural foi valorada polos case 60 expertos encargados de seleccionar as mellores propostas das 155 presentadas de 57 países do mundo. Baiona comparte privilexio co Parque Nacional das Illas Atlánticas, que tamén acadou este recoñecemento. Xuntos contribúen a converter as Rías Baixas nun dos destinos máis sustentables do mundo, cun distintivo que tan só ostentan en España tres destinos máis.

Tras recoller este certificado durante a convención anual de Green Destinations que se celebrou en setembro na cidade portuguesa de Cascais, Nava Castro oficializou hoxe a entrega deste distintivo ao Concello de Baiona nun acto no que agradeceu o “excelente traballo” levado a cabo e o seu compromiso co turismo de calidade que converte a este municipio “nun perfecto exemplo do que Galicia é e quere seguir sendo no camiño por un turismo responsable”, explicou.

Neste sentido, Nava Castro puxo en valor o apoio de Baiona ás empresas locais para que acaden certificacións de calidade, conseguindo que actualmente ao redor de 40 estean acreditadas co selo SICTED, premiando a atención que ofrecen aos seus visitantes.

Eficiente xestión

O compromiso de Baiona esténdese, ademais, a garantir unha sustentabilidade ambiental e social, como demostra o feito de que as súas praias fosen das primeiras de Galicia en ser declaradas libres de fume e adaptadas para as persoas con mobilidade reducida. Ademais, infraestruturas como o Club Náutico ofrece cursos de vela para persoas con discapacidade e vén de adaptar as súas instalacións para atender a diversidade funcional.

O Sustenaible Destination Top 100 súmase a outros recoñecementos como o Quality Coast, que lle foi entregado a este municipio durante a pasada edición de Fitur e que consolida a Baiona como referente de turismo responsable grazas á súa eficiente xestión da oferta turística, e aos seus recursos como o patrimonio natural e cultural, así como a beleza natural e a súa calidade medioambiental.

Un destino turístico en crecemento

O traballo desenvolvido neste concello pontevedrés e no Parque Nacional das Illas Atlánticas alíñase co modelo turístico defendido desde a Administración autonómica, onde a sustentabilidade é a columna vertebral da Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta elaborada co sector para que o turismo creza e o faga de xeito ordenado e planificado.

Cun orzamento de 240 millóns de euros, a Estratexia fíxase especialmente nos recursos que diferencian a Galicia doutros destinos, xa que destina a maior parte deste investimento, o 76%, a aspectos vinculados co territorio, o que demostra o compromiso da Xunta de Galicia cunha actividade que sabe integrarse na contorna na que se desenvolve.

Con estas medidas, Galicia estase a consolidar como destino tranquilo cunha oferta diversificada e de alta calidade e cunha demanda cada vez máis desestacionalizada. Como así o demostran as cifras que sitúan a outubro como o mes no que o turismo galego medrou con máis intensidade, seguido de xaneiro, maio, febreiro, setembro e xuño, todos eles fóra da tradicional tempada alta. Nestes dez primeiros meses do ano Galicia recibiu 4,6 millóns de visitantes, dos que preto de 600.000 visitaron o xeodestino Vigo e Baixo Miño, ao que pertence Baiona, e fixeron máis de 1,1 millóns de pernoitas, o que supón en ambos casos un 10% máis que o ano pasado por estas datas