A Xunta entregará un novo equipo de excarceración ao GES do Val Miñor

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // O presidente da Mancomunidade e o coordinador do GES.

O presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Ángel Rodal, reuniuse co coordinador do Grupo de Emerxencias Supramunicipal para informarlle de que en breve entregaráselle á Mancomunidade, por parte da Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, un novo equipo de excarceración.

O equipo de excarceración supón un reforzo importante na actuación do persoal de bombeiros en accidentes de tráfico, excarceracións, levantamento de obxectos pesados (por exemplo tractores), corte de elementos e outras utilidades.

“Este equipo permite aos servizos de emerxencias rescatar aos ocupantes dos vehículos cando se produce un accidente no que quedan atrapados no interior. Trátase por iso dunha ferramenta imprescindible para os servizos de emerxencias que permite actuar con rapidez para que o equipo médico poida atender aos atrapados, e que tamén supón unha maior seguridade para os membros do servizo de emerxencias no seu traballo”, destacou Ángel Rodal.

“Con este novo material dispoñeremos dun dos equipamentos máis punteiros, podendo así xubilar o que utilizabamos ata agora, que non está tan á vangarda. Prodúcese así un salto de gran calidade no servizo. Ademais, poderemos intervir dunha forma máis rápida e máis segura”, comentou o coordinador do GES do Val Miñor.

“O obxectivo é conseguir que as persoas que traballan na xestión das emerxencias conten cos mellores medios favorecendo así a atención ás emerxencias por iso agradecemos á Xunta que nos faga chegar este novo equipamento tan necesario”, concluíu Rodal.