A Romaría de San Cosme e San Damián, unha tradición centenaria

Todos os anos por estas datas a explanada de Santa Liberata se transforma e acolle centenares de devotos vidos de todos os puntos da nosa xeografía, mantendo viva unha das tradicións máis ancestrais da vila e que se remontan á súa época medieval: a romaría de San Cosme e San Damián, máis coñecida popularmente como a festa do mel e as noces.

A contorna da Praza de Santa Liberata encherase un ano máis con postos de venda de mel, noces, velas, plantas ornamentais, cosméticos e produtos naturais procedentes do campo, artesanía diversa, pan, embutidos e queixos variados. Esta festa que se celebra en Baiona dende a Idade Media foi cambiando co paso dos anos, e hoxe en día podémonos encontrar con gran cantidade de postos de toda índole que se estenden por todo o recinto de Santa Liberata e ao longo da rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón.

Pero o espírito relixioso da celebración mantense intacto. Os talles policromados dos Santos Médicos serán portados un ano máis en procesión o día grande, o martes 26 de setembro. Sairán dende a Capela de Santa Liberata ás 11:00 horas, percorrendo a zona antiga ata a Igrexa de Santa María de Baiona, onde ás 12.00 horas comezará a Misa Solemne. Unha vez finalice a misa, os santos volverán en procesión ata Santa Liberata onde se recollerán. Os devotos acoden en masa a esta cita obrigada para ofrecer aos santos as reproducións de cera das partes do corpo humano que desexan sandar. Paralelamente, celébranse actuacións folclóricas que contribúen á animación da festa.

Historia e devoción aos Santos

A devoción que se vén profesando aos Santos Cosme e Damián non só cínguese ao ámbito de Baiona, senón que é extensible a todo o mundo cristián dende hai séculos.

Os baioneses manteñen viva e latente a devoción aos Santos dende que no ano 1847 solicitaron ao Cabido de Tui unha reliquia de San Cosme e esta lle foi concedida. A noticia foi recibida con satisfacción e foi entón cando a Igrexa e o Concello se puxeron de acordo para traela ata Baiona coas maiores honras.

Segundo conta a historia, o 19 de setembro de 1847 trasládase a Tui o alcalde José Manuel Cadaval e o Abade da Colexiata D. Luis García Casarrubios para facerse cargo da reliquia, que lle sería entregada polos cóengos D. José García e D. Telmo Maceira. Esa mesma tarde na Ponte de Sabarís, os portadores da reliquia eran esperados polos Rexedores, Manuel Tomás, Fernando Prieto, Juan Besada, Francisco Jorge, Santiago Fernández e Francisco Besada, así como por numerosos veciños que os recibiron con gran xúbilo. Unha gran tirada de lumes anunciaba a súa chegada aos que agardaban no barrio do Burgo para acompañar a reliquia ata a Capela de Santa Liberata, onde permanece na actualidade.

Pasaron moitos anos dende entón e a romaría de San Cosme e San Damián segue en vigor. A súa festa litúrxica ata hai uns anos celebrábase o 27 de setembro, pero a Santa Sé, tras o Concilio Vaticano II, adiantouna un día, é dicir ao 26. Aínda son moitos os romeiros que seguen acudindo o día 27 para facer efectivas as súas ofrendas e rezar ante os santos. Desta antiquísima romaría séguense respectando moitas tradicións, tales como as de abastecerse de mel e noces para todo o ano.

Aínda hai moitos baioneses que recordan como a primeiras horas da mañá chegaban xentes de todas as partes, incluído o norte de Portugal, enchendo as rúas, bares e tabernas. A Capela de Santa Liberata non pechaba de noite e eran moitas as persoas, sobre todo maiores, que se acomodaban no seu interior para pasar a noite ata que soaban as campás e anunciaban a primeira misa.