Navajita Plateá, humor con Rafa Durán e animación de Troula para o Día do Turista en Baiona

Portada do disco de Navajita Plateá.

Unha decena de actividades gratuítas, entre elas música, animación nas rúas, visitas guiadas e obradoiros, conforman a programación deseñada polo Concello de Baiona para a celebración do Día do Turista.

Baiona celebrará o vindeiro 25 de agosto a súa tradicional homenaxe aos turistas cunha xornada cargada de actividades para o desfrute de veciños e visitantes. Dende primeira hora da mañá e durante todo o día a Vila converterase de novo nunha grande festa na que haberá todo tipo de actividades programadas pola Concellería de Turismo.

“Este día está dedicado aos turistas que nos elixen como destino vacacional, pero tamén a todos os veciños de Baiona, que coa súa calorosa acollida fan posible que a Vila sexa un dos lugares preferidos para o turismo de calidade”, explicou a concelleira de Turismo, Beatriz González.

O pasarrúas “Hakuna Matata”, de Troula Animación, será o encargado de abrir o Día do Turista ás 11:00 horas, con saída desde a Praza do Concello e chegada ao Paseo Ribeira. Entre as 12:00 e as 14:00 horas haberá inchables para os máis pequenos no Paseo Ribeira, así como tobogán de auga e un superparque de bólas.

O humor chegará este ano ás 12:30 horas da man da performance de Rafa Durán como “O Turista Infiltrado”, que tamén actuará ás 18:30 horas, e as 13:30 celebrarase a Xira Marítima pola Baía de Baiona, con saída desde o Porto Pesqueiro (inscricións previas na Oficina de Turismo a partir do 22 de agosto ata cubrir as prazas).

Ás 19:30 será o momento para a visita guiada teatralizada «Baiona no Tempo» a cargo de «Non si Teatro?», dirixida por Mónica Sueiro e con saída dende a Oficina de Turismo. Xa de noite, ás 22:30 horas, chegará o concerto de Navajita Plateá, que celebrará o seu 25 aniversario na Praza do Concello.

O remate do Día do Turista será ás doce da noite coa preparación do conxuro da Gran Queimada a cargo de Rafa Durán e a posterior degustación gratuíta na Praza do Concello.

Ademais, ao longo de todo o día a Casa-Museo da Navegación terá as súas portas abertas con entrada libre e todos os peregrinos que visiten a Oficina de Turismo recibirán un obsequio ao presentar a súa credencial.

Dentro da programación do Día do Turista tamén se levará a cabo a entrega da Carabela de Ouro ao almirante Rafael Lorenzo Montero no Concello de Baiona (12:00 h).

Máis información na Oficina de Turismo (Paseo Ribeira). Tlf. 986 68 70 67 / oficinadeturismo@baiona.org