O Club Ciclista Rías Baixas conta con dobre representación no Campionato de España

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Diego González.

Dous corredores sub23 do Club Ciclista Rías Baixas participarán desde este venres coa Selección de Galicia nos Campionatos de España que se celebran en Soria. Diego González foi seleccionado para tomar a saída na contrarreloxo individual e na proba en liña, unha carreira na que tamén estará Raúl González.

A gran cita estatal poñerase en marcha este venres ás 10:00 horas coa contrarreloxo sub23, unha competición que Diego González nunca disputou e que afronta con ilusión: «Chego con bastantes ganas de facelo ben e confío en facer un boa crono», afirma o ciclista coruñés da entidade presidida por José Luis Chamorro.

O percorrido de 18,9 quilómetros pola capital soriana é «curto e moi rápido», sinala o subcampión galego desta modalidade: «Hai que aproveitar ben o desenvolvemento e aguantar un ritmo moi alto, pero gardando un punto para o final xa que termina picando un pouco para arriba. Aínda que non é o trazado que me gustaría, penso que me pode vir ben».

Ao día seguinte o sub23 coruñés volverá subirse á bicicleta para disputar a proba en liña xunto ao seu compañeiro Raúl González. Os dous corredores nados en 1997 competiron durante toda esta tempada nas carreiras da Copa de España e volveranse a ver as caras cos mellores da súa categoría.

Con saída en Garray e chegada en Soria, ás 09:30 horas darase o bandeirazo inicial aos 145 quilómetros de percorrido. «Ao final un Campionato de España de fondo sempre é unha lotería e o principal será ter un bo día», apunta Diego.