Concellos e portos deportivos recollen as súas bandeiras azuis en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Baiona acolleu este luns, por primeira vez na súa historia, o acto de entrega das 131 bandeiras azuis a todas das praias e portos de Galicia. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacounas como a mellor porta de entrada para descubrir a riqueza natural de Galicia.

Durante o acto de entrega celebrado nas instalacións do Monte Real Club de Yates, Feijóo afirmou que estas bandeiras son o resultado da aposta colectiva pola conservación do litoral. Un litoral rico en flora e fauna terrestre e mariñeira; seguro, con servizos de salvamento, socorrismo e primeiros auxilios; e accesible para as persoas con discapacidade.

Así mesmo, destacou que Galicia seguirá sendo líder en sendeiros azuis, que distinguen os 26 camiños cara ás praias e aos portos máis respectuosos co medio natural; e contará con 14 centros azuis, nos cales se ofrece educación ambiental e cunha distinción temática, este ano para o concello de Muros, polo seu traballo en información e educación ambiental.

O responsable do Goberno galego referiuse aos máis de 1600 quilómetros de costa como economía, cultura, tradición, turismo e paisaxe. “E estas 131 bandeiras azuis significan que estamos a cumprir o principal desafío que nos presenta o litoral: conxugar o seu aproveitamento humano co respecto ao medio ambiente”, aseverou, ao que engadiu a proposta de que as Illas Atlánticas e o parque nacional do que forman parte sexan recoñecidas tamén como Patrimonio da Humanidade.

Neste mesmo sentido destacou que a porcentaxe de augas en bo estado na Demarcación Galicia- Costa subiu dun 70% ao 77%.

Non en van a Xunta leva investidos 1100 millóns de euros en saneamento nos últimos oito anos, coa posta en marcha de 45 depuradoras. “Nesta lista está xa a de Cabo Silleiro e estará dentro de moi pouco a de Vigo, unha das infraestruturas de saneamento máis complexas da fachada atlántica europea, cun investimento de 230 millóns de euros”, afirmou.

Feijóo subliñou ademais que este compromiso colectivo é o que permite que tres cuartas partes das augas de baño de Galicia estean cualificadas como excelentes, unha porcentaxe que sobe ao 90% xunto ás augas consideradas boas.

O presidente da Xunta concluíu recordando que Galicia é a segunda Autonomía de España con máis bandeiras azuis. Unha de cada cinco praias e un de cada cinco portos españois con bandeira azul están en Galicia.

O Val Miñor suma 11 distintivos azuis de ADEAC

A comarca do Val Miñor aumentou este ano a cifra de distintivos da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) dos 8 do 2016 aos 11, 9 bandeiras azuis, 7 para praias e 2 para portos deportivos, e 2 sendeiros azuis.

Así, en Baiona ondearán a bandeira de novo os areais de Os frades e A Barbeira, aos que se suman A Concheira, por primeira vez na súa historia, e A Ribeira. Desta forma a Vila logra o maior número de praias premiadas. O Monte Real Club de Yates repite un ano máis e o Porto Deportivo Baiona recupera o galardón. A última distinción da localidade foi para o Sendeiro Litoral de Baiona. Perdeu o recoñecemento a Praia da Ladeira.

En Nigrán, Panxón lucirá tamén a bandeira azul, que xa contaba co distintivo en Praia América e Patos. Tamén foi recoñecido o Sendeiro Litoral do Ecosistema Dunar de Playa América-Panxón.

A Xunta de Galicia quixo este ano recoñecer a labor do Concello de Baiona celebrando na Vila un acto ao que acudiron representantes dos 38 concellos galegos para recoller os 113 galardóns concedidos este ano por Adeac. Ademais, tamén foron concedidas distincións a 18 portos deportivos e a 15 centros azuis.

Asistiron, ademais do presidente da Xunta, o Delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; a Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal; e o Presidente da ADEAC, José Ramón Sánchez, entre outras autoridades. A concelleira de Medio Ambiente de Baiona, María Iglesias, recolleu os distintivos en nome da Vila anfitrioa, mentres que desde Nigrán acudiu o alcalde, Juan González.

Solidariedade ante a traxedia forestal do país veciño

Ao longo do acto, o presidente da Xunta trasladou en nome do pobo galego a tristeza e o pesar polas vítimas do incendio forestal en Portugal. Ante esta tráxico suceso, Feijóo transmitiu a solidariedade de Galicia co país veciño, así como a disposición de medios antilumes e asistenciais que precise para afrontar “a que é probablemente a maior catástrofe forestal da súa historia”.