Gondomar convoca o luns 19 o Pleno Extraordinario para tratar a delimitación de núcleos

O goberno de Gondomar vén de convocar aos voceiros dos grupos municipais para o vindeiro martes día 13, ás 12:00 horas, a unha xuntanza para lles explicar ou aclarar as dúbidas ao respecto da delimitación dos núcleos de Penalba, San Roque e Prado proposta no pasado Pleno Ordinario do día 1 de xuño, “despois da incompresible actuación dos grupos da oposición impedindo a súa aprobación, e dado que seica o problema era a falla de tempo (malia que os núcleos estiveron expostos na web municipal catro meses) para poder revisar os expedientes”, sinala Antonio Araúxo, concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente.

Dado que se trata de documentos exclusivamente técnicos, a esa xuntanza asistirán os técnicos municipais que redactaron as devanditas delimitacións. A celebración do Pleno Extraordinario para volver tratar a aprobación dos tres núcleos está previsto para o luns día 19 de xuño ás 20:00 horas.

Polo ben da veciñanza afectada dos devanditos núcleos: construción de vivendas novas, legalizacións para poder vender ou resolver cuestións hipotecarias, legalizacións de aumentos, resolver expedientes de derrubamento da APLU, etc., agardamos que os grupos da oposición deixen de usar o urbanismo como arma de confrontación política e actúen responsablemente a favor do ben común”, conclúe Araúxo.