O alumnado de Terras do Miñor V mostra os seus avances nun encontro con hostaleiros da zona

FOTO: XUNTA DE GALICIA

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado polos alcaldes de Baiona e Gondomar e unha representante do Concello de Nigrán, participou no Pazo Pías (Ramallosa) nunha actividade desenvolvida polo alumnado do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor V” na que os participantes puideron mostrar aos hostaleiros da zona os seus avances nas dúas especialidades impartidas durante os seis meses de formación.

A xornada tivo por obxectivo que o empresariado do sector da hostalería do Val Miñor e potenciais empregadores coñeceran o traballo realizado polo alumnado de cara a súa inserción laboral. Nela ofreceuse un aperitivo-cóctel que contou ademais coa presenza de grandes profesionais como o chef Iván Méndez, un dos grandes valedores da cociña galega, Daniel Donato, xefe de cociña do restaurante Os Abetos, e o barista Luís Blanco, campión de España. No mesmo marco, empresas do sector deron a coñecer algúns dos produtos incorporados recentemente ao mercado. É o caso de Auga de Mar Brétema, Vermú Pretoni, Viños Rebolledo, Herbas de Caaveiro, Viño Neta Manuela, xenebra galega “La Pócima”, Algamar, Informática para hostalería, Licores e Augardentes de Galicia e Requeixo e Mel.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, clausurará o vindeiro luns este obradoiro, que ofreceu formación e traballo a 20 persoas desempregadas da Mancomunidade do Val Miñor en operacións básicas de cociña e servizos de restaurante e bar. Os participantes percibiron tamén o salario mínimo interprofesional.

Este programa mixto de formación e emprego centrouse na realización de obras e prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitaron un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a inserción laboral das persoas desempregadas que o realicen. Ademais, esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibiron formación específica que lles pode permitir o inicio dos seus propios proxectos.

O representante da Administración autonómica na área felicitou aos alumnos e alumnas así coma ao persoal a cargo do curso, que estivo formado por un director, un titor, dous docentes e unha persoa administrativa de apoio. O delegado lembrou que estas iniciativas mixtas de formación e emprego forman parte da Axenda 20 para o Emprego, coa que o Goberno galego está incrementando as oportunidades laborais dos galegos, e que ten por obxecto mellorar a empregabilidade dos desempregados mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo.

Ademais, a convocatoria deste ano –que xa saíu publicada no DOG- inclúe diversas novidades como a ampliación da duración dos obradoiros ata os 9 meses ademais de ter preferencia os beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia, as mulleres, en xeral, e as vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, aqueles alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.