Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas expuxo batalla na primeira xornada da Volta a Coruña

Arrancou a Volta Ciclista á Provincia da Coruña cunha etapa de 150 quilómetros na que o Club Ciclista Rías Baixas foi protagonista. Os representantes da entidade presidida por José Luis Chamorro tentaron evitar desde o inicio a previsible chegada ao sprint que finalmente se produciu. Un desenlace con vitoria para Kevin Suárez (Gomu-Liébana) e novena posición para Diego Tirilonte.

O ciclista cántabro da entidade miñorana foi dos primeiros en moverse no tramo inicial dunha xornada cun único porto puntuable, o alto de Boimorto (km 59) de 3ª categoría. Tirilonte rodou fuxido en compañía de Ángel Gutiérrez (Gomur-Liébana) durante algúns quilómetros.

Achegándose ao ecuador da etapa, os pupilos de Marcos Serrano probaron fortuna de maneira colectiva e chegaron a romper o pelotón. Con todo, o gran grupo volveu unificar e de aí ata a meta non houbo sorpresas.

Rodrigo Enríquez pasou terceiro pola meta volante de Oroso (km 126), antes de que Jesús Nanclares participase nun ataque a falta de 10 quilómetros con pesos pesados da carreira como Gregori (Cortizo – Anova), García Rus (GSport) ou Tello (Kuota).

O traballo dos equipos dos sprinters deu os seus froitos e Kevin Suárez foi o máis rápido. A 2″ do cántabro entraron Tirilonte, Diego González (24º), Enríquez (43º), Jon Ander Tomei (48º) e Nanclares (71º). A 6:40 chegaron Lois Rodríguez e Raúl González. Por equipos, o Club Ciclista Rías Baixas ocupou a oitava posición.

A dificultade do terreo aumentará este sábado na segunda xornada, Carballo-Carballo de 135 quilómetros. No percorrido por enclaves como Buño, Ponteceso ou Vimianzo, ascenderanse tres portos puntuables de 3ª cateogoría: Borneiro (km 27), Hospital (59,3) e Castelo (km 106). As dúas metas volantes están situadas en Dumbría (km 55) e Santa Comba (km 100). Ás 14:00 poñerase en marcha a etapa e o seu final está previsto a partir das 17:00 horas.

Anuncios