Brais Gómez, terceiro no Campionato de Galicia de contrarreloxo

Trece títulos autonómicos na modalidade de contrarreloxo individual (CRI) en estrada puxéronse en xogo este mércores na localidade ourensá de Baños de Molgas.

Na categoría cadete, o baionés Brais Gómez Cima ocupou o terceiro posto da clasificación. O integrante do Ponteareas completou o percorrido nun tempo de 20:14-56, a 45 segundos de Miguel Ángel Mera (Padrones), que foi segundo, e a 1:19 minutos do gañador, Carlos Canal (Academia Postal-Actyon).

A Fundación ADO Moure Pro-Deporte, o Club Ciclista Ourensano e a Federación Galega de Ciclismo organizaron unha cita que reuniu a 280 participantes. O percorrido polas estradas de Baños de Molgas era diferente ao do 2016. Tratábase dun trazado de 11,4 quilómetros en constante ascensión.