Os J80 encaran a recta final da Liga de Inverno do Monte Real

FOTO: ROSANA CALVO (MONTE REAL CLUB DE YATES)

Cita regateira este sábado en Baiona coa frota de J80 que compite na Liga de Inverno organizada polo Monte Real Club de Yates en exclusiva para estes barcos monotipos.

A partir das tres da tarde, as doce tripulacións participantes disputaranse tres novas probas na que é xa a quinta e penúltima xornada de competición. Farano nun campo de regatas situado no interior da baía, cunhas condicións meteorolóxicas que se anuncian perfectas para a navegación dos veleiros.

A previsión é que o vento sopre do nornoeste cunha intensidade que non baixará dos dez nós e que podería chegar mesmo aos dezaoito. Ademais, lucirá o sol, o que permitirá que o público que se achegue á península de Monte Boi ou ás praias circundantes poida gozar da competición con moi boa visibilidade.

A esta recta final da Liga de Inverno hai dous barcos que chegan cunha posición destacada na clasificación. Son o Okofen do vigués Javier de la Gándara, e o Miúdo by Storax da portuguesa Francisca Barros. O barco galego segue na cabeza tras gañar practicamente todas as probas disputadas ata o momento, pero o equipo luso logrou recortar distancias e na última xornada colocouse a 10 puntos do líder.

O Ferralemes de Enrique Porto e o Virazón de Miguel Lago, patroneado por Javier Rey nas últimas etapas, pelexan pola terceira posición separados por apenas tres puntos. Séguenlles na clasificación, aínda que a máis distancia, o Cansino, o Mondo, o Pazo de Cea, o Namasté, o Luna Nueva, o Marías, o Alumisel e o Náutico Cormorán.