130 alumnos de ESO de Gondomar participaron na V Carreira a prol da corresponsabilidade

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Gondomar envorcouse este venres cos 130 alumnos de 3º de ESO que participaron este mediodía nunha nova edición da Carreira a prol da corresponsabilidade, que cumpriu a súa quinta edición organizada pola Concellería de Igualdade que dirixe Nuria Lameiro e o CIM (Centro de Información á Muller), cofinanciada pola Deputación de Pontevedra.

A carreira, que se enmarca dentro das actividades previstas con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, pretende sensibilizar e concienciar aos mozos sobre a necesidade de erradicar estereotipos sociais sobre a repartición de tarefas e a importancia dunha educación baseada na corresponsabilidade e na igualdade de aptitudes, capacidades e habilidades de ambos os sexos tanto á hora de realizar tarefas domésticas -habitualmente adscritas ao xénero feminino- como actividades de bricolaxe ou mantemento do fogar -que tradicionalmente se consideraron máis propias de homes.

Os estudantes dos institutos de Educación Secundaria Auga da Laxe e Terra de Turonio tiveron que afrontar como primeiro reto unha carreira polas rúas da vila condal divididos en parellas -na súa maioría mozo e moza- na que tiñan que avanzar unidos de pés e mans, con senllas gomas. A medio camiño, recolleron unha proba de carácter lóxico-deductivo no “checkpoint” e tiveron que resolvela antes de cruzar a meta. As tres primeiras parellas en chegar ao Pavillón de Deportes coa solución correcta pasaron á seguinte fase, dúas do instituto Auga da Laxe e unha do Terra de Turonio.

Na segunda fase, que se desenvolveu no Pavillón de Deportes, os participantes demostraron as súas habilidades en tarefas de corresponsabilidade con tres novas probas. Na primeira tiveron que montar un moble, na segunda demostrar a súa capacidade de asear e vestir a un boneco que fixo as veces de persoa dependente e finalmente elaborar un puré.

Unha vez finalizado o concurso, fíxose entrega dos premios. A parella gañadora foi a formada por Estefanía e Aarón, que ademais foi a primeira en cruzar a meta, seguida en segunda posición de Sara e María, todos eles do IES Auga da Laxe. Lucía e Adrián, do IES Terra de Turonio, ocuparon a terceira posición.

Continuando cos actos deste día, no mes de abril a axente de igualdade do CIM acompañada da Concelleira de Igualdade e o Alcalde pasará polos colexios CEIP Chano Piñeiro, CEP Neira Vilas, CEIP Serra de Vincios e CEIP Souto Donas para ler cos nenos de primaria o libro “Os Bolechas no camiño da Igualdade”, libro do Concello de Gondomar presentado o día 25 de novembro do pasado ano xunto ao seu autor Pepe Carreiro. Farase entrega de exemplares da obra nos colexios.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.