O Enterro do Kiko pecha o entroido de Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán continúa co obxectivo de consolidar o Enterro do Kiko de Parada como peche de Entroido no municipio, co obxectivo de reforzar a súa celebración polo seu arraigo na parroquia e porque despois de oito anos, constitúe xa unha festa de interese público na localidade.

A celebración, organizada polo Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor e a Comunidade de Montes en Man Común de Parada, porá fin este sábado 11 de marzo ás actividades do Entroido nigranés.

Este ano, como novidade, partirá desde o Concello, onde haberá un espazo de xogos con brinquedos tradicionais e a actuación de Cé Orquestra Pantasma desde as 15:30 horas. Xa ás 19:00 horas sairá o Kiko en carro de bois desde a casa consistorial acompañado polo grupo de gaitas da Asociación Breogán Valle Miñor e da comparsa “Fantasía Volcánica” ata o Torreiro da Festa de Parada, onde actuará o grupo de gaitas, unha charanga e a comparsa. Ás 20:00 horas comezará o velorio no Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor para proceder a enterralo ás 21:00 horas. Pola noite, a festa continuará con DJ PTT.

Esta peculiar celebración naceu como alternativa ao Enterro da Sardiña ante a ausencia de mar en Parada e a presenza de múltiples galiñeiros con “quicos” na parroquia. Ao longo dos seus oito anos de vida foi adquirindo sona na localidade e o que comezou como unha festa entre veciños, converteuse nunha cita á que cada ano asisten máis persoas. Tanto é así, que esta ave xa forma parte da identidade de Parada e o propio Centro Cultural adoptou a figura do “quico” como representación da entidade.