Os grandes descontos volven a Gondomar coa feira de oportunidades Portobelo

Arranca a cuarta edición da feira de oportunidades Portobelo. Organizada pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) terá lugar o próximo domingo 12 de marzo en horario continuado desde as 11 da mañá ata as 9 da noite.

En Portobelo, que conta coa colaboración do Concello de Gondomar, a través da Concellaría de Comercio, poderanse atopar produtos variados como: calzado, prendas de vestir, tocado, enxoval, ferraxería, cosmética, produtos de limpeza, etc.

“Agardamos que este ano sexa o da consolidación deste gran encontro comercial para o contacto co comercio local, ao traveso dos 25 establecementos comerciais que participan este ano”, sinala Xosé Antón Araúxo.

“Animamos ás familias a achegarse á Vila de Gondomar, que estará especialmente colorida e decorada para a ocasión con paraugas colgantes sobre as rúas do Concello, e relacionarse cos establecementos de proximidade, nun día, no que se as previsións meteorolóxicas se confirman, disporemos de bo tempo e temperaturas agradables”, engade o concelleiro de Comercio.

Nos paraugas de Portobelo haberá tamén obradoiros dirixidos polo Centro Juan María de Parada, Nigrán, nos que se traballará con materiais reciclables para os rapaces durante toda a xornada.

Para os menores tamén están pensados os inchables, que estarán durante toda a feira con prezos solidarios.

Como actividade lúdica proponse a todos os visitantes unha exhibición de Danza Moderna e Hip-Hop, que terá como promotores á Escola de Danza da Paradela e a Asociación de Danza de Gondomar. Unha actividade aberta a todas as idades que dará comezo ás 17:00 horas nas inmediacións da Praza do Concello.