Gondomar prepara a II Gala do Deporte

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

Gondomar celebrará o día 1 de abril a súa II Gala do Deporte, evento promovido polo Alcalde, Paco Ferreira, e a Concellería de Deportes, dirixida por Nuria Lameiro. Con esta cita Gondomar afiánzase no seu proxecto de fomentar o deporte e poñelo en valor.

O prazo para a inscrición de deportistas que queiran participar na II Gala do Deporte xa está aberto. Os interesados deberán entregar a documentación requirida ata o 10 de marzo a través do rexistro do Concello en caso de persoas físicas e a través da Sede Electrónica en caso de persoas xurídicas como asociacións e clubs. Solicítase entre outras cousas formalizar a inscrición e entregar CV do deportista ademais de autorización de uso de datos asinada. As candidaturas poderanse presentar por parte de calquera cidadán, club deportivo, institución ou asociación.

As categorías ás que se opta son oito, mellor deportista masculino, mellor deportista feminina, deportista revelación masculino, deportista revelación feminina, mellor club ou entidade deportiva, mellor patrocinio e colaboración co deporte, premio á traxectoria deportiva e mellor evento deportivo. Ademais da categoría de Mención Especial á que poden optar tanto institucións relacionadas co deporte e deportistas como persoas ou entidades cuxa labor servise para a defensa dos valores humanos no deporte. A parte do recoñecemento aos mellores deportistas en cada modalidade deportiva.

O xurado será o encargado de seleccionar aos gañadores de cada categoría, sendo presidido pola concelleira de Deporte, Nuria Lameiro. As bases da Gala atópanse dispoñibles na páxina Web do Concello así como a folla de inscrición.