Baiona inaugura un novo parque temático infantil nos xardíns da Casa-Museo da Navegación

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona inaugurará este venres, con motivo da presentación da XXII Festa da Arribada, un novo parque temático infantil no casco histórico da Real Vila. As instalacións, cun investimento de 24.000 euros, están situadas nos xardíns da Casa-Museo da Navegación.

A proa dunha gran nao, que podería ser a “Santa María” durante o seu naufraxio, converterase nun novo espazo de xogo para os nenos baioneses dende este venres, 24 de febreiro, coa apertura do parque infantil do museo. A empresa HPC Ibérica, líder no sector de xogos e parques infantís para exterior en España, é a encargada de construír as novas instalacións tras adxudicarse o contrato nun procedemento negociado.

“Os máis pequenos poderán desfrutar dos xardíns cos xogos que xa están instalados, é un espazo ideal que ademais ten agora un novo acceso a través da rúa do Reloxo, onde inaugurouse hai pouco unha nova praza pública”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal.

A nao de madeira do novo parque infantil foi deseñada pola Escola de Carpintería da Deputación de Pontevedra especialmente para ocupar un lugar predominante nos xardíns do museo baionés. O parque tamén conta con tirolinas, un gran volcán, unha cova e un rocódromo para configurar unha instalación temática sobre a Arribada que estará aberta no mesmo horario dos xardíns.

Ademais, durante a Festa da Arribada, que se celebra do 3 ao 5 de marzo, os xardíns da Casa da Navegación tamén acollerán o Campamento de Adestramento de Cabaleiros, trasladados debido ás obras do Hospital Sancti Spiritus.

Así, as Olimpíadas Medievais que estaban no exterior do Museo serán instaladas no parque da Palma. Moi preto de alí, a rúa Carabela La Pinta converterase de novo na Alameda dos Aprendices, aínda que desta vez cunha versión máis ampliada e renovada.

Desta forma a Alameda dos Aprendices aumenta un 30 por cento o seu espazo que ocupou o ano pasado para poder acoller un total de dez obradoiros (en 2016 foron seis) na zona situada xunto ao gremio de canteiros e ferreiros. Acuñación de moedas, olería infantil, escritura medieval, tapices de época, obradoiros de coiro, repostería medieval, bordado antigo, ourivaría, lacrado de cartas e gravados serán os obradoiros dispoñibles para os nenos. Tamén haberá un espazo para Pintacaras.

Parque Medieval de Famóbil

Outra das grandes novidades da Festa da Arribada será a instalación dun parque medieval de “clicks” de Famóbil na Palma. A actividade funcionará os días 4 e 5 de marzo, sábado e domingo, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 para facer as delicias dos máis pequenos.