O deporte galego homenaxeará a José Ramón Lete o sábado 25 de febreiro en Baiona

O Parador de Baiona será o escenario o vindeiro sábado 25 de febreiro do recoñecemento que o deporte galego brindaralle a José Ramón Lete Lasa, secretario de Estado para o Deporte e presidente do Consello Superior de Deportes. Esta iniciativa xorde dun grupo de directivos e personalidades do deporte autonómico, entre os que se atopa José Luis Chamorro, presidente do Club Ciclista Rías Baixas, que queren recoñecer toda unha vida dedicada ao deporte e agradecer o traballo desenvolvido por José Ramón Lete nos preto de oito anos como Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Durante a súa etapa como máximo responsable do deporte autonómico, Galicia situouse como a comunidade que máis investiu en cada un dos seus deportistas. Ademais, impulsou campañas para o fomento da actividade física como “Galicia Saudable” e conseguiu que o deporte feminino alcanzase as súas cotas máis altas.

Os promotores deste acto, que arrancará ás 14:00 horas, organizaron unha comida na que se espera a asistencia dunha variada representación de deportistas, directivos e persoas relacionadas co mundo do deporte. Os interesados en participar poden informarse a través do correo electrónico homenaxe25feb.jrlete@gmail.com (data límite de inscrición 20 febreiro).